Hetty Green
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de novembro de 1834 New Bedford, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 3 de xullo de 1916 (81 anos) Nova York, Estados Unidos de América |
Causa da morte | ictus |
Lugar de sepultura | Vermont |
Residencia | New Bedford (pt) Londres Manhattan Nova York Nova Jersey |
Relixión | Sociedade Relixiosa dos Amigos |
Actividade | |
Ocupación | financeiro |
Familia | |
Fillos | Edward Howland Robinson Green, Sylvia Wilks |
Pais | Edward Mott Robinson e Abbigale "Abby" Slocum Robinson |
Henrietta Howland Robinson, nada en New Bedford (Massachusetts) o 21 de novembro de 1834 e finada en Nova York o 3 de xullo de 1916, máis coñecida como Hetty Green e alcumada «A bruxa de Wall Street», foi unha empresaria estadounidense.[1] Foi unha vez a muller máis rica de América durante a idade dourada. A pesar da súa gran fortuna, Green era extremadamente avara; vestía e vivía case como unha esmoleira e mesmo foi incluída no libro Guinness dos récords como a máis avara do mundo.[2]
Green acumulou a súa fortuna como financeira, principalmente traballando no sector inmobiliario, os ferrocarrís e nos préstamos, nunha época en que o negocio estaba dominado na súa maioría por homes.[3] Despois da súa morte, The New York Times declarou que "foi o feito de que a Sra. Green era unha muller o que converteu a súa carreira nun tema de curiosidade, comentarios e asombro interminables".
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Henrietta "Hetty" Howland Robinson naceu en 1834 en New Bedford, Massachusetts, filla máis vella de Edward Mott Robinson e Abby Howland. Hetty tamén tivo un irmán máis novo que morreu na infancia.[4] A familia Robinson era unha das máis ricas da cidade, involucrada no negocio baleeiro e o comercio coa China.[5]
Á idade de dous anos, Hetty foi enviada a vivir co seu avó materno, Gideon Howland, e a súa tía, Sylvia Ann. Hetty lía as cotizacións da bolsa e os informes comerciais do seu avó, ademais de aprender algúns dos seus métodos comerciais. Debido á influencia do seu avó e do seu pai, e posiblemente debido a que a súa nai estaba constantemente enferma, sempre estivo moi unida ao seu pai e para a idade de seis anos lía documentos financeiros, mentres que polas noites lía as noticias.
Á idade de dez anos, ingresou ao internado Eliza Wing School en Sandwich, Massachusetts. Cando tiña trece anos, Hetty converteuse na contadora familiar e acompañaba o seu pai ás casas de cálculo, aos almacéns e a visitar comerciantes de produtos básicos e corretores de bolsa. O seu pai converteuse no xefe da empresa baleeira Isaac Howland trala morte do seu avó, e Hetty comezou a emular as prácticas comerciais do seu pai. Hetty aprendeu a ler libros de contabilidade e a comerciar con produtos. Aos quince anos, inscribiuse en dúas sesións de verán na Friends Academy. Debutou na sociedade de New Bedford en 1854, antes de mudarse a Nova York para vivir cun primo da súa nai, Henry Grinnell. Con todo, non pasou moito tempo antes de que Hetty regresase a New Bedford, alternando entre a casa do seu pai e a da súa tía. Alí, ao perseguir os intereses do seu pai, non só gañou o seu eloxio, senón que tamén compartiu o seu pracer de gañar diñeiro.[6]
A súa nai morreu o 21 de febreiro de 1860, á idade de 51 anos, e o seu patrimonio de cen mil dólares foi para o seu esposo, agás unha casa de 8000 dólares (equivalente a 223 000 dólares de 2018) que herdou Hetty.
Matrimonio
[editar | editar a fonte]Hetty casou aos 33 anos con Edward Green, un membro dunha adiñeirada familia de Vermont, o 11 de xullo de 1867. A parella casou e mudouse a Manhattan, despois mudáronse a Londres e viviron no hotel Langham onde naceron os seus fillos Edward Howland Robinson Green (22 de agosto de 1868 – 8 de xuño de 1936) e Harriet Sylvia Ann Howland Green Wilks (7 de xaneiro de 1871 - 5 de febreiro de 1951).
Posteriormente regresaron a Vermont, cidade natal do seu esposo. Alí comezaron os seus problemas tanto no ámbito político como no social. Despois, en 1885 o seu esposo arruinouse e Hetty decidiu separarse. En 1902, Edward enfermou do corazón e reconciliouse con Hetty, que a axudou como enfermeira. Ese mesmo ano, o 19 de marzo Edward morreu e foi enterrado en Bellows Falls, no cemiterio da igrexa Immanuel.
Hetty criou os seus dous fillos soa. Vivía en pequenas habitacións de míseros hoteis para pagar baixos impostos. Empregaba o mesmo vestido para non gastar en roupa e lavábao só na parte que daba ao piso para aforrar xabón. A comida era da peor do mercado e viaxaba sen escoltas. Nunha ocasión, o seu fillo Edward sufriu unha ferida no xeonllo e levouno a unha clínica de caridade. Para desgraza de Edward, o médico recoñeceu a Hetty e esixiu que a muller pagase a consulta. Hetty negouse a facelo e atendeuno persoalmente. Dous anos despois, a perna infectouse e tivo que ser amputada debido á gangrena.
Cando tiña 81 anos, Hetty sufriu unha apoplexía e o seu fillo Edward Howland, contratou enfermeiras que vestían con roupas comúns para que a súa nai non se dese conta. Na súa vellez, comezou a sufrir dunha hernia, mais negouse a someterse a unha operación, xa que custaba 150 dólares. Sufriu moitos golpes e tivo que depender dunha cadeira de rodas.
Morte
[editar | editar a fonte]Hetty Green faleceu aos 81 anos en Nova York. Morreu de apoplexía cando discutía cunha criada. Foi sepultada xunto ao seu esposo.
Trala morte de Hetty Green, o seu único fillo varón herdou parte da fortuna da súa nai e converteuse nun millonario extravagante que malgastaba diñeiro en festas, xoiaría, iates e diamantes.
A súa filla Sylvia morreu en 1951. Deixou un patrimonio de ao redor de 200 millóns de dólares que legou a organizacións de beneficencia, escolas, igrexas e hospitais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Hetty Green "the Witch of Wallstreet"" (PDF). Consultado o 21 de agosto de 2014.
- ↑ Pérez, Nieves. "Riqueza vs. avaricia: recordamos a Hetty Green, "la bruja de Wall Street"" (en castelán). Consultado o 21 de agosto de 2018.
- ↑ Rosenblum, Constance (19 de decembro de 2004). "'Hetty': Scrooge in Hoboken". Consultado o 21 de xullo de 2007.
- ↑ Leavitt, Judith A. (1985). American Women Managers and Administrators: A Selective Biographical Dictionary of Twentieth-century Leaders in Business, Education, and Government. Greenwood Publishing Group. p. 93. ISBN 0-313-23748-4.
- ↑ Slack, Charles (2004). Hetty: The Genius and Madness of America's First Female Tycoon. New York. Ecco.
- ↑ Wallach, Janet (2012). The Richest Woman in America: Hetty Green in the Gilded Age. New York. p. 9-21,37,45. ISBN 9780307474575.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hetty Green |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Caplan, Sheri J. Petticoats and Pinstripes: Portraits of Women in Wall Street's History. Praeger, 2013. ISBN 978-1-4408-0265-2.
- Ford, Carol. "Hetty Green, A Character Study". National Magazine, setembro de 1905.
- Lewis, Arthur H. The Day They Shook the Plum Tree. Nova York: Harcourt Brace. (1963); Buccaneer Books, Cutchogue, NY (1990) ISBN 0-89966-600-0.
- Leila Schneps e Coralie Colmez, Math on trial. How numbers get used and abused in the courtroom, Basic Books, 2013. ISBN 978-0-465-03292-1. (Ninth chapter: "Math error number 9: choosing a wrong model. The case of Hetty Green: a battle of wills").
- Slack, Charles. Hetty: The Genius and Madness of America's First Female Tycoon. Nova York: Ecco (2004). ISBN 0-06-054256-X.
- Wallach, Janet (25 de setembro de 2012). The Richest Woman in America: Hetty Green in the Gilded Age. Knopf Doubleday Publishing Group. ISBN 978-0-385-53198-6. Consultado o 3 de setembro de 2013.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A more generous profile: "Shrewdness and Gumption"
- Wealthy eccentrics, Hetty Green, CNNMoney.com
- WallStreetCosmos.Com: Hetty Green, Witch or Wizard? Arquivado 22 de agosto de 2007 en Wayback Machine.